Archive for the ‘Sen clasificar’ Category

Loita de clase, feminismo e nación – Parte I

Alá atrás, viña de ler un interesante, por novidoso, estudo sobre a participación da muller nos partidos políticos galegos, publicado o 2008 por Edicións Embora baixo a forma de libro co título As mulleres nos partidos políticos: o caso galego, autoría da politóloga Eugenia Rey Bouza. Trátase dun estudo cunha edición pésima e unha liña de teoría de investigación moi limitada, pero que abonda para, unha vez máis, darse de conta que a búsqueda da igualdade entre diferentes non se pode basar nun trato igual para todos, senón que as ferramentas de discriminación positiva (realmente eufemismo que se emprega para non usar a palabra xustiza social, de xénero… e así non ferir sensibilidades) son fundamentais e imprescindibles para acadar dito obxectivo, a igualdade.

Pois ben, ollando ó meu redor, vexo inmediatamente tres suxeitos totalmente maltratados ó longo da historia e sufridores da desigualdade. Estos non son outros que o asalariado, a muller e a nación asoballada.

Se partimos dunha idea nai, o igualitarismo, damos por sentado que tódalas partes dun conxunto deben ter as mesmas cualidades básicas. Deste xeito, nunha sociedade de individuos, todos e todas deberíamos contar cun trato non diferenciado a nivel de xénero, procedencia, clase social… e tantas outras variables e factores que se poderían unir a esta lista.

Seguindo con esta liña argumental, o liberalismo clásico, e o que na actualidade se ven en denominar liberal-democracia (e que segundo moitos é o que realmente practican os partidos que se autodenominan socialdemócratas) postulaban a igualdade de oportunidades de tódolos individuos dunha sociedade. Non se trata de que o Estado se preocupe de que tódolos seus administrados coman a mesma cantidade de comida, ou que teñan as mesmas prendas de roupa… senon que todos e todas desfrutemos dunha serie de dereitos e liberdades (máis ou menos limitadas) que se compaxinan cunhas determinadas obrigas e que de xeito potencial estructuran unha hipotética posibilidade de igualdade de tódolos integrantes da sociedade.

Este esquema, no que vivimos, é claramente insuficiente, pois non hai máis que mirar ó noso redor e ver a contínua falta de igualdade entre os diferentes suxeitos que compoñen, non so a nosa sociedade máis próxima, senon a de todo o mundo. Podemos ver diferencias sustanciais entre homes e mulleres; podemos ver diferencias sustanciais entre empresarios e asalariados, podemos ver diferencias sustanciais entre uns Estados e outros ou entre Estados-nación e Nacións sen Estado… e como culmen destes tres tipos de desigualdade: a diferenza entre o norte e o sur.

Evidentemente máis liberalismo non vai a ser a panacea contra a desigualdade. Máis liberdade dos individuos pode levar á igualdade tácita; mais isto é tan utópico como un anarquista sensato. E incluso, se esa liberdade individual se sustenta na máxima de que o conxunto das mellores eleccións libres e individuais darán como resultado o mellor ben común, non se acadará máis liberdade senón máis servidume. Nun mundo que ten como contexto un sistema capitalista (nuns lugares máis desenvolto que noutros), acostuman a ser xa maioritarias as situacións de suma cero, é dicir de competición extrema entre (cando menos) dous suxeitos. Situacións nas que a mellor escolla individual é ser superior ó outro ata esnaquiza-lo (consciente ou inconscientemente). Polo tanto, se so pode gañar un e necesariamente o outro ten que perder non fai falla ser un nobel para percatarse de que a mellor escolla individual multiplicada por n non vai a dar como resultado o ben común. Máis ben propiciará o que estamos a ver diante de nos, uns máis ricos e outros máis pobres, resultado que o estado do benestar ampara e propicia.

O estado do benestar axúdanos a enlazar finalmente, xa non coa liberdade, senón cun dos suxeitos anteriormente citados: a clase. Moitos fártanse en dicir que o desenvolvemento capitalista propiciou un aumento na calidade de vida de toda a humanidade. Que as condicións de traballo, etc. dos obreiros do S.XIX non son comparables coas dos obreiros da actualidade. E que polo tanto, xunto coas diferentes ondas democratizadoras ó longo do S.XX, a igualdade entre diferentes foise extendendo e que quizais non sexa o mellor sistema posible pero cando menos é o menos malo. Mais todo este discurso peca dun punto de vista bastante limitado. Este punto de vista so se fixa en occidente para expoñe-las súas conclusións.

Vaiamos ós paises en desenvolvemento e veremos como un sistema capitalista extremo convive con (como non podía ser doutro xeito) moreas e moreas de campesiños emigrados ás cidades vivindo en condicións bastante semellantes ás dos obreiros do S.XIX. Miremos ó noso redor, e observemos a maior parte dos bens e servizos que consumimos; percatarémonos de que nos beneficiamos dunha explotación e expoliación sistemática de todos aqueles países que non son occidente; dos seus traballadores, dos seus recursos, dos seus nenos… e tamén das clases máis desfavorecidas no interior do noso hemisferio. Polo tanto, desmontamos ese axioma de progreso co que se identifica o sistema capitalista.

Pero aínda máis. Durante todas estas décadas de estado do benestar e protobenestar, as diferenzas entre os máis ricos e os máis pobres variaron en máis e en menos dependendo do lugar e do momento, pero o máis significativo é que a tendencia é clara: cada día que pasa o abismo entre clases socias “extremas” é máis grande. Polo tanto derrubamos esa falacia de que as ondas democratizadoras e os sitemas democrático-liberais que as suceden favorecen a igualdade. O único que propician é o enriquecemento das clases dominantes, acaparadoras do poder económico e político en detrimento das clases máis desfavorecidas mediante a plusvalía coa que as primeiras se lucran. Ademais, aceptar como sistema válido o menos malo é xustamente de xente pouco amiga do progreso e do espírito crítico.

Xustamente foi esta clase (a dominante) a que veu en continuar unha discriminación sistemática, xa non so dos traballadores (xa se poidan agrupar en clases ou estamentos), senón da muller. Da muller como concepto complementario ó home. Alá onde miremos poderemos ver como de cotío vemos grupos de mulleres defendendo os seus dereitos, a súa posición, a posibilidade de realizárense non por ser muller, senón por ser un simple ser humano que so se diferencia do home en constructos sociais, alomenos nas funcións potenciais que elas poderían realizar. Porén, na maioría dos países, estes movementos non están sendo escoitados. A muller segue, e por desgracia semella que seguirá por moitos anos, a ser un complemento do home. Non poderá ser sen el, necesitarao, precisará del para calquer cousa. Recordemos que no Estado español, durante moitos e moitos anos, ata ben entrado o franquismo, para poder adquirir un crédito, para ter unha licencia de actividade, e un longuísimo etcétera de situacións, a muller precisaba da firma do home. Miremos a aqueles lugares infectados pola relixión totalizadora (xa sexa esta monoteísta ou politeísta) e veremos como constantemente vidas e vidas de mulleres son destrozadas dende a máis tenra infancia. Non existe ningunha dúbida, se o matriarcado existe, non se preocupa dos asuntos humanos; cando menos ten ás mulleres debaixo dun xugo propio dos Reis Católicos. Pero a situación aínda é pior, o patriarcado mantense.

(Continua en Loita de clase, feminismo e nación – Parte II).