Constitución e crise (da democracia) – Xavier Vence

A sorpresiva e precipitada reforma da Constitución Española para introducir o principio de estabilidade orzamentaria, límite de déficit e de débeda é un acto que trascende os seus efectos económicos inmediatos. Unha reforma que no seu propio articulado establece que entrará en vigor no ano 2020 difícilmente pode ser vendida como un instrumento para resolver os acuciantes problemas dunha economía atascada nun profundo estancamento. Pouco se insiste nese dato esencial para poñer no seu xusto lugar as razóns arguidas polos dous grandes partidos estatais para xustificar un pacto de reforma urdido en pleno mes de agosto, tan difícil de defender abertamente diante da cidadanía e mesmo de custosa escenificación en plena precampaña electoral.

O procedemento seguido revela un total desprezo á cidadanía e aos principios básicos dunha democracia. Non só lle furtan á cidadanía o dereito a pronunciarse en referéndum sobre un cambio substantivo no que constitucionaliza unha restrición nas marxes de actuación dos gobernos e parlamentos elixidos pola cidadanía senón que lle furtan a posibilidade de escoitar argumentos demoradamente e mesmo a oportunidade de que ese tema puidera discutirse na campaña eleitoral e puidera ser tido en conta polos electores á hora de decidir o seu voto. Non é moi explicable porque se fai atropelando as máis elementais normas dunha reforma constitucional e, sobre todo, porque non se aproveita que hai unhas elecións inminentes, convocadas para o 20-N, que poderían permitir que os dous partidos incorporasen esa proposta nos seus programas electorais; podían mesmo anunciar o seu compromiso de efectivizala inmediatamente unha vez conformado o novo Parlamento. A mensaxe de cara aos mercados e aos socios europeos estaría lanzada igual, o lapso temporal sería ben curto, sobre todo sabendo que a entrada en vigor do novo artículo se establece para 2020 e que a lei orgánica que o desenvolve se estipula para 2012. Pero, cando menos, poderían aducir unha certa lexitimación das urnas, no caso de que o electorado lles outorgase a maioría suficiente, cousa da que neste momento carecen, na medida en que ningún dos dous levaba esta proposta no seu programa electoral de 2008. Por que ese desprezo á opinión da cidadanía e ao seu respectivo electorado? Por que ese esforzo continuado en darlle á cidadanía circo político con altisonancias colaterais ao tempo que se lle furtan os debates de fondo?

Entrando no fondo, no significado e consecuencias da reforma introducida no artículo 135, cómpre enfatizar que non está destinado a resolver problemas urxentes de curto prazo nin ten maior virtualidade na xeración de confianza, como ben ilustran os batacazos das bolsas e o aumento da prima de risco en paralelo á tramitación e aprobación parlamentaria. Sorprendería ese paralelismo se esa fose a razón que explica a reforma; pero non sorprende se entendemos que a razón de fondo é outra. Os mercados valoran mal España e demais países da zona euro non pola débeda en si senón polas pobres perspectivas de crecemento. Nese contexto, un compromiso cerrado coa redución do déficit e o pago da débeda pública pode resultarlle moi interesante aos acredores e rendistas da débeda pero pode ser unha mensaxe moi negativa para outro tipo de investidores que saben que con esa orientación -coa redución do gasto público- o que se vai é prolongar o estancamento e, en consecuencia, non haberá aumento da demanda nin dos beneficios das empresas. Máis ben o contrario. Mesmo os ingresos públicos resentiranse, de xeito que a capacidade de pago futuro do sector público pode verse minguada.

Entón, se esta reforma non é un instrumento para atallar a crise nin en 2011, nin 12, nin 13, nin 14… porque se introduce xusto agora? Desde o meu punto de vista, a razón é que se está configurando o deseño da Europa máis agresivamente neoliberal da próxima década –para ese mesmo horizonte van a reforma das pensións, idade de xubilación, etc. O que ocorre é que se aproveita o shock da crise para forzar unhas reformas que radicalizan o carácter neoliberal da UE. Ao tempo que se crea o Fondo de Estabilización da UE impóñense aos Estados compromisos e garantías firmes –mellor constitucionalizadas– de asunción do principio de equilibrio orzamentario e sacralización do compromiso de pago da débeda e dos intereses por diante de calquera outro compromiso –como se di no artigo da reforma, “prioridade absoluta”– o que significa poñer os intereses dos rendistas financeiros por diante de calquera outro interese social. É a constitucionalización dun capitalismo neoliberal radicalizado, hexemonizado polas finanzas rendistas –as que viven de cortar o cupón e cobrar intereses. Ese é o auténtico leit motif desta reforma á española. Ese é o verdadeiro mefistófeles que se apropiou da alma de Zapatero e conduciu ao PSOE á súa total desfiguración.

Resulta abraiante que neste escenario –e coa experiencia de catro anos de crise– non exista no Goberno e no PSOE a vontade real de tomar medidas do lado dos ingresos para deixar de poñer todo o foco nunha suicida espiral de redución do gasto –ou cómpre dicir investimento?– público. Os oportunistas acenos de Rubalcaba nesa dirección quedan en coiros ante a insultante contundencia dos feitos na dirección oposta.

Por último, pero non menos importante, as CCAA poden atopar nesta reforma a enésima devaluación da súa autonomía financeira. No desenvolvemento da lei orgánica posterior podería eventualmente plasmarse que o corsé que se impón ao conxunto das administracións públicas sexa aplicado na súa totalidade sobre os orzamentos autonómicos para preservar unha pequena flexibilidade para o Goberno central. Á vista do excluinte pacto agora pechado entre PPPSOE, o risco dunha eventual conculcación de calquera marxe de flexibilidade das CCAA aparece como algo bastante plausíbel. Coa particularidade de que a partir da reforma tería amparo constitucional, cousa que até agora non tiña.

En fin, hoxe máis que nunca percíbese con clareza a interdependencia entre soberanía e democracia. A democracia convértese en cartón pedra cando as decisións cruciais que delinean o futuro do país e o modelo de sociedade veñen ditadas por instancias alleas á propia vontade popular. Por iso, nunca como hoxe foi tan clara a necesidade dun nacionalismo forte e unha esquerda que preserve os seus sinais de identidade esenciais.

Xornal de Galicia – 3 de setembro de 2011

Comments are closed.